Xunta e Concello da Lama pactan impulsar o ensanche da estrada entre Antas e Portela da Cruz
Por Redacción
A estrada que une Antas con Seixido e Portela da Cruz, xa no límite coa provincia de Ourense, é unha das máis utilizadas do municipio da Lama. Por ela pasan non só os propios veciños, senón tamén os que se dirixen ao Carballiño e Ourense e viceversa. Por iso, dende o Concello urxen á Xunta que impulse o proxecto de ensanche deste vial.
Así llelo solicitou este venres Jorge Canda á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez. O alcalde da Lama pediulle que o goberno galego afronte estas obras de mellora da seguridade vial canto antes e que a súa execución se efectúe en dúas fases.
"É mellor que agora, a principios do ano que vén, se acometa o tramo Antas-Seixido, duns 6 quilómetros, considerando unha serie de melloras que lle formulamos aos técnicos para suprimir varias curvas e facilitar unha mellor trazabilidade dos vehículos pesados ao seu paso polos pontillóns existentes no percorrido. Queremos que se faga aínda que sexa en dúas fases, pero garantindo sempre que se vai facer ben", sinalou o alcalde.
Segundo o alcalde, Jorge Canda, a conselleira mostrouse moi receptiva ás súas formulacións aínda que condicionou a mellora do proxecto ás posibilidades técnicas, as diferenzas de cotas e demais aspectos a ter en conta para poder adaptar o trazado definitivo ás necesidades formuladas polo rexedor municipal, recollendo as suxestións e peticións dos veciños da zona por onde transita é vía de comunicación.
Así mesmo, Ethel Vázquez advertiu o alcalde que para poder efectuar esta mellora na estrada o Concello debería poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para a ampliación. Neste sentido o rexedor sinalou que convocará unha próxima reunión cos veciños para "explicarlles o proxecto e a necesidade de colaborar todos con esta obra tan importante e demandada polos cidadáns".