Morren dúas persoas nun accidente de tráfico en Barro
Por Natalia Puga
Dúas persoas, un home de 81 anos e unha muller de 80 anos, faleceron nun accidente de tráfico ocorrido sobre as doce do mediodía en Barro (Pontevedra). Trátase dun matrimonio, veciños do lugar de Mane (Barro), que ocupaban un turismo que foi esmagado por un camión.
O suceso tivo lugar no punto kilométrico 107 da N-550 entre Pontevedra e Santiago de Compostela. En concreto, na recta sita antes da entrada no núcleo de San Antoniño, xusto en fronte dunha gasolineira Repsol.
O accidente produciuse cando un Peugeot 307, conducido por unha muller de 46 anos que viaxaba cara Pontevedra, se detivo no medio da estrada para xirar cara a estación de servizo. O turismo no que viaxaban os dous falecidos, un Nissan Sunny, viuse obrigado a frear bruscamente, segundo relataron testemuñas dos feitos.
Inmediatamente despois, un camión articulado da empresa Feiraco, que viña detrás deles, embestiu violentamente ao Nissan e , por alcance, ao Peugeot. A condutora do primeiro dos coches, M.F.F., de 46 anos, resultou ferida leve, mentres que os dous ocupantes do turismo que quedou no medio faleceron practicamente no acto.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias 112-Galicia, as dúas persoas falecidas quedaron atrapadas no interior do vehículo, que quedou 'encartado', de maneira que se mobilizou ao lugar dos feitos a dúas unidades do Corpo de Bombeiros de Pontevedra.
O sarxento de Atestados de Tráfico que coordinou o operativo expricou que tamén acudiron varias patrullas da Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Barro e dúas ambulancias de Urxencias Sanitarias de Galicia (061), unha medicalizada e outra asistencial.
Segundo explicou a PontevedraViva, José Alonso, testemuña do accidente, o choque foi "brutal". Dixo que a muller falecida "tivo pulso durante cinco minutos" e varias testemuñas e condutores que pasaban polo lugar tentaron reanimala tanto a ela coma ao condutor do coche. En relación coas causas do sinistro, indicou que a conductora do primeiro turismo, "estaba moi nerviosa", e que o camión "viña moi rápido".
"O camión empaquetou a outro coche"
Unha traballadora da gasolineira situada xusto enfrene do lugar do sinistro relatou que todo aconteceu moi rápido e non é doado determinar de quen foi responsabilidade o sinistro. "Oín un frenazo e cando saín o camión xa empaquetara a outro coche. Empezaron a parar coches", indicou. Ela non acudiu a socorrer ás vítimas, pero viu que moitos codutores e testemuñas si que o fixeron.
A Garda Civil de Tráfico investiga agora se a manobra realizada pola conductora do Peugeout 307 é reglamentaria. A estrada estaba pintada con liña discontinua, pero existe unha sinal que prohibe xirar á esquerda, dende o carril no que circulaban os vehículos implicados no sinistro cara á gasolineira. A mala fortuna fixo que esta sinal estivese tapada por varios camións estacionados na beiravía.
Segundo indicou o sarxento de Atestados da Garda Civil, aínda se están a investigar todas as circunstancias que rodean o accidente tendo en conta estas factores e outros que puideran ter influido no sinistro. Ademais, tanto a condutora do Peugeot 307 coma o condutor do camión foron sometidos a unha proba de alcoholemia.
O camioneiro choraba dentro do vehículo
O condutor do camión, R.V.B., de 52 anos, saiu ileso do accidente, pero sufriu un forte impacto emocional. De feito, despois de facilitar aos axentes de Tráfico o seu relato dos feitos voltou ao interior do seu vehículo e permaneceu alí durante dúas horas, chorando e con expresión de visible conmoción.
A raíz do sinistro quedou cortado un carril de circulación e os axentes da Garda Civil tiveron que regular o tráfico durante as preto de dúas horas que pasaron entre a colisión e a retirada dos vehículos implicados por parte dunha grúa. O xuiz tardou arredor de hora e media en decretar o levantamento dos corpos das vítimas.