Praceiras do Mercado piden ao Concello darlle novos usos á primeira planta
Por Alejandro Espiño
O Concello de Pontevedra móstrase decidido a buscar novos usos para a primeira planta da praza de abastos co obxectivo de revitalizar este mercado. E por fin parece ter o beneplácito das propias usuarias, ata agora remisas a calquera cambio. Así se desprende dos primeiros contactos que tivo con elas o novo concelleiro responsable desta área, Vicente García Legísima, ao longo dos últimos días.
Segundo explicou o edil do BNG, estes encontros, que mantivo con representantes das dúas asociacións de praceiras que existe no mercado pontevedrés e con usuarias a título particular, limitáronse polo momento a unha toma de contacto para coñecer as necesidades que ten este colectivo e "ver o que está tramitado ata o momento" en relación á nova ordenanza reguladora.
García Legísima desvelou que o que solicitan do goberno municipal "fundamentalmente" son fórmulas que permitan dinamizar o mercado e lograr que "vaia máis xente que na actualidade". Neste sentido, coincidindo coa idea que formulara a anterior responsable de Promoción Económica, Carlota Román, entenden que habería que liberar o primeiro piso da praza "e que haxa algo arriba que tire do mercado".
Ademais, segundo o concelleiro as praceiras terían recoñecido que deben "autodisciplinarse para "gañarse a confianza do cliente". Así, mostráronse dispostas a mellorar a venda de peixe seguindo exemplos como o da praza de Bueu, sinalando a procedencia do produto e o prezo ou separando o que é do día e o que non o é. Ofrecendo, en definitiva, un "bo servizo" aos pontevedreses.
Pero tamén piden cambios normativos para facer máis atractivo o mercado a novos vendedores. Entre outras cuestións, solicitan que se permita a venda de produtos do campo, que se regule a posibilidade de que os postos se poidan alugar en lugar de ter que adquirilos mediante unha concesión ou que se simplifiquen os trámites para poder traspasalos en caso de querer abandonar a actividade.
A XUNQUEIRA E ESTRIBELA
Entre os plans do goberno municipal tamén está aprobar ao longo deste mandato unha nova regulación para os mercados ambulantes da Xunqueira e Estribela -onde hai numerosas vacantes tras as baixas que se foron producindo nos últimos anos-, aínda que neste caso, Vicente García Legísima recoñece que se trata dun traballo "arduo" que non poderá ser acometido a curto prazo.
O prioritario, sinalou, será adaptar a ordenanza municipal á nova lexislación aprobada pola Xunta de Galicia "e a partir de aí veremos o que se pode facer".