San Xoán volverá ser festivo en 2016
Por Redacción
O día de San Xoán (24 de xuño) volverá ser festivo o próximo ano. Así o anunciou este xoves o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tras presidir este xoves o Consello da Xunta no que se analizou a proposta de calendario laboral para 2016.
Haberá dous festivos en domingo, o 1 de maio -xornada na que se celebra o Día do Traballador- e o 25 de decembro, polo que a Xunta propón substituílos polo Día das Letras Galegas (17 de maio) e San Xoán.
A proposta, dixo, é "acorde aos obxectivos marcados con carácter económico", de forma que a fixación dos festivos autonómicos afecte "o mínimo posible á produtividade", pero tamén que sexa respectuosa coa natureza dos principais días festivos en Galicia.
Todo iso de acordo á lexislación vixente, que fixa un máximo de 14 festivos anuais. Deles, dous son elixidos polos concellos, que no caso de Pontevedra serán, previsiblemente, o mércores de cinza (10 de febreiro) e o 11 de xullo, día de San Bieito.
Dos dez restantes, sete son de carácter obrigatorio e non son substituíbles. Serán o 1 de xaneiro, o 25 de marzo (Venres Santo), 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro e 8 de decembro. Outros tres festivos poden ser substituídos polas comunidades autónomas, pero en Galicia non se cambiarán, xa que son o 6 de xaneiro, o 24 de marzo (Xoves Santo) e o 25 de xullo.