Detido o falso revisor do gas por levar diñeiro e máis de 15.000 euros en xoias dunha casa
Por Redacción
Diñeiro en efectivo e xoias valoradas en máis de 15.000 euros. É o botín que presuntamente se levou un pontevedrés durante un furto nunha vivenda da cidade, delito polo que acaba de ser detido pola Policía Nacional como presunto autor dun delito de furto.
Os feitos aconteceron o 19 de xuño, pero o delito non conseguiu resolverse ata este mércores 1 de xullo. Finamente, sobre as 16.45 horas, o seu presunto autor foi detido e os policías constataron que se trata dun home con antecedentes que hai un mes fora detido por cometer furtos en varias vivendas facéndose pasar polo revisor da compañía eléctrica Gas Natural Fenosa.
Na súa anterior detención puidérase estipular que actuara en polo menos catro vivendas do centro de Pontevedra e atribuíranselle tres delitos e unha falta de furto polos que, tras prestar declaración, quedou en liberdade.
En todos os casos esclarecidos o home se presentaba nun domicilio particular, identificábase como revisor coa intención de realizar unha inspección da instalación eléctrica e mesmo acreditaba a súa identidade cun carné dunha empresa relacionada co gas.