Completan os traballos para habilitar unha nova zona verde en Filgueira Valverde
Por Redacción
Unha nova zona verde está a disposición dos veciños de Pontevedra. É a que está situada na rúa Filgueira Valverde, dentro da unidade de actuación número 18.
Os operarios municipais do servizo de Parques e Xardíns crearon neste ámbito, delimitado polas rúas Eduardo Pondal e Joaquín Costa, unha área de lecer e de estar para os veciños do barrio.
Os traballos consistiron na retirada da capa de terra e de herba, que foi substituída por céspede, e plantáronse diversas especies arbóreas e arbustivas. Tamén se crearon camiños para permeabilizar a parcela e facer que estea ben comunicada coas rúas Filgueira Valverde e Poza dos Canos.
Na estrema con Filgueira Valverde plantáronse xacarandás, así como liquidámbar alternativos con parterres de céspede para tapar a medianeira dos edificios que teñen fachada a Joaquín Costa e pechando a parcela no lado oposto a Filgueira Valverde.
Nun dos estremos da parcela plantáronse acacias de tres espiñas e tamén nos pequenos xardíns da parte enlousada.
O proxecto tivo un custe de 60.000 euros.