Excarcerada a condutora dun vehículo nun aparatoso accidente en Bora
Por Diego Torrado
O Centro de Atención de Urxencias 112 Galicia informou dun accidente na estrada nacional 541 entre Pontevedra e Ourense, á altura da estación da ITV, na parroquia de Bora.
Un particular alertou minutos antes das oito e media da tarde deste martes dunha colisión de dous vehículos, nun dos cales, un coche marca Fiat viaxaba unha muller con dous nenos menores de idade.
Os nenos puideron saír do turismo polo seu propio pé, pero os bombeiros de Pontevedra tiveron que excarcerar a esta muller.
Ao lugar trasladáronse varias ambulancias do 061, aínda que finalmente tan só tivo que ser trasladada a condutora xa que os menores atopábanse ilesos.
Mentres que os efectivos da Garda Civil de Tráfico procedían a regular a circulación, cortando un dos carrís, antes de instruír o atestado.
En canto aos ocupantes do segundo vehículo implicado neste sinistro, un Mercedes, puideron saír do coche polo seu propio pé.
Como consecuencia do impacto, quedaron algúns restos na vía que os membros do servizo de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento se encargaron de retirar.