Ten o Instituto Municipal de Deportes os días contados?
Esa é a pregunta que quedou no aire este martes. Cada vez son máis as voces que dubidan da súa operatividade e o goberno municipal comprometeuse a estudar unha mellor fórmula de xestión para o deporte pontevedrés. Así quedou de manifesto na primeira reunión que celebra a xunta reitora do IMD tras as recentes eleccións municipais do pasado 24 de maio.
E todo porque dende o PSdeG-PSOE, partido que tivo a responsabilidade da área de Deportes no anterior mandato, solicitou iniciar os trámites para a disolución do organismo ao entender de que é "inoperativo e imprescindible", segundo Agustín Fernández. O voceiro socialista asegurou que tras catro anos de xestión da política deportiva municipal "entendín que o IMD é máis un atranco que unha solución".
Afirmou que este organismo non cumpre os obxectivos para os que foi creado na década dos 90 e lamenta as "eivas" que ten a nivel administrativo, debido a un presuposto "constrinxido" e non poder participar das transferencias de crédito municipais; e a nivel laboral, xa que, ademais da escaseza de persoal que presenta, as baixas non poden ser cubertas coas listas do concello.
Por todo iso, o PSdeG-PSOE cre que o mellor sería crear un Servizo Municipal de Deportes, o que permitiría redimensionar un equipo "que se queda curto para dar conta da enorme cantidade de eventos e actividades que se desenrolan ao longo do ano". Isto debería ir acompañado, dixo Fernández, da constitución dun Consello Municipal do Deporte, que "dea voz" aos clubs da cidade no deseño da política deportiva.
RECEPTIVIDADE EN BNG E PP
Dende o goberno municipal, a concelleira de Deportes destacou que "estamos abertos" a valorar a disolución do IMD e a creación dun novo servizo que permita que o deporte da cidade "funcione do mellor xeito posible". Anxos Riveiro recoñeceu que o organismo perdeu gran parte das atribucións coas que se creou, como "funcionar como unha especie de padroado" e recibir axudas económicas "externas e privadas".
En todo caso, a edil do BNG explicou que, tras resolver asuntos máis urxentes como o novo contrato das piscinas de Campolongo, "valoremos esa petición". Trátase, recordou, de algo que tamén se plantaron os nacionalistas "no seu momento", e avanzou que ao longo do verán estudarán "con calma" esta proposta.
Pola súa banda, dende o Partido Popular "no veremos con malos ojos" que se reformule o IMD, pero con matices. "Entendemos que ha sido útil, pero con la actual demanda de equipos y el gran número de campeonatos que se organizan ya no sirve para dar resultado", afirmou o concelleiro César Abal. Aos populares "nos gusta mucho" a posibilidade de crear unha fundación, cun xerente á fronte, que poida atraer patrocinadores para o deporte pontevedrés.
Sexa cal sexa o modelo elixido, dixo, espera que se faga "sentando a todos" na mesma mesa, clubs incluídos, para poder decidir entre todos cal pode ser a mellor fórmula de xestión para cubrir o oco que deixaría a disolución do Instituto Municipal de Deportes.