San Xoán vai alá... e o meigallo con el
Por Diego Torrado
Miles de persoas sumáronse un ano máis á celebración da noite de San Xoán ao longo de toda a comarca, deixando unha paisaxe sementada de centos de cacharelas e, segundo os primeiros datos coñecidos, sen incidencias destacables. Hai un balance máis que se pode facilitar ao día seguinte da celebración, apto tan só para os non escépticos: o meigallo foi espantado.
A noite máis máxica e curta do ano, que coincide co solsticio de verán, é un dos momentos máis esperados do ano nalgúns municipios, como Poio, onde os veciños puideron prolongar as celebracións ata altas horas da madrugada, pois este mércores 24 de xuño é día festivo local e non terán que acudir a citas e compromisos laborais.
A tradición festiva de Poio materializouse nas 140 fogueiras que pediran autorización e en varias decenas de pequenas cacharelas que os veciños acenderon nas praias do municipio. Tamén o seu apoio incondicional a esta festa pagana deixouse notar na masiva afluencia aos actos do que era o día grande das festas patronais de Poio en especial á sardiñada popular, a verbena, o espectáculo de lume e as hogueras organizadas na Seca.
Pontevedra non quedou atrás, con 182 fogueiras repartidas polas parroquias e o casco urbano, e o lume tamén iluminou a noite de Marín, onde os veciños solicitaron permiso para 133 cacharelas. Os Bombeiros de Pontevedra informaron de que non tiveron ningunha intervención en toda a noite derivada de incidentes rexistrados nas cacharelas e celebracións.
Relacionadas:
-
Por que se poñen ramos de xestas adornando os coches?
Por Oskar Viéitez |
-
Entran polo tellado dun galpón de Verducido para roubar un burro
Por Redacción |
-
Alcohol, condución e lume, precaución en San Xoán
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Os concellos van preparándose para as cachadas de San Xoán
Por Redacción |