O goberno local de Sanxenxo pide á plantilla da Policía Local a máxima implicación para garantir a seguridade no verán
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e a concelleira de Persoal, Vanesa Rodríguez, mantiveron na tarde do luns unha reunión coa totalidade da plantilla da Policía Local. Trala presentación inicial, Gonzalo Pita pediulle aos axentes unha implicación especial para que esta temporada de verán Sanxenxo poida transmitir a imaxe de seguridade nas rúas e de cumprimento das diferentes normativas que se espera dun municipio turístico.
Neste senso, tanto Gonzalo Pita como Vanesa Rodríguez transmitironlle a importancia de reorganizar o servicio de xeito que se poida garantir o cumprimento de cuestións como os horarios de peche dos establecementos de hostelería nocturnos e un control exhaustivo sobre a realización de botellóns na rúa, cuestión nas que o grupo de goberno quere poñer o acento este verán.
Pita solicitoulles, por tanto, que manteñan o nivel de profesionalidade que os ven caracterizando ata o de agora a fin de que Sanxenxo poida compatibilizar no verán a diversión durante a noite coa tranquilidade que esixen moitos dos visitantes que elixen este destino turístico en vacacións.
Pola súa parte, a plantilla trasladou ao alcalde a necesidade de manter unha primeira reunión formal na que abordar polo miudo as inquedanzas e necesidades destes traballadores, xa que entenden que son moitas as cuestións que precisan ser revisadas. O alcalde comprometeuse a manter ese encontro de análise da situación no mes de setembro, unha vez superado o verán.