Pontevedra súmase á cría do porco celta coa instalación da súa primeira granxa
Por Alejandro Espiño
A cría de porco celta chega a Pontevedra. Desde hai uns anos, esta raza autóctona, que está considerada de protección especial ou en perigo de extinción, volveu a rexurdir con forza en Galicia. Na actualidade, hai máis de 2.700 porcos celtas na nosa comunidade e, en breve, Pontevedra acollerá a súa primeira granxa de cría e reprodución desta especie. Situarase no lugar de Gatomorto (Santa María de Xeve).
En concreto, para poñer en marcha esta granxa investiranse 92.000 euros. ÿ o diñeiro que se necesita para habilitar unha leira que será dividida en parcelas. Cada unha delas será destinada á reprodución desta especie e á cría de lechóns desleitados. En principio, será para consumo propio, aínda que os propietarios poderían comercializala nun establecemento hostaleiro da parroquia.
Para adecuar este terreo, Juan Luís Fontán Rivas, a persoa que solicita a licenza municipal, explica que se reencherá parte da leira para darlle un relevo máis homoxéneo, resembrarase de herba e plantaranse diferentes especies arbóreas. En total, serán cinco porcos celtas os que habitarán esta granxa nun primeiro momento, que serán alimentados a base de landras e pastoreo como mandan os cánones da especie.
Trátase dun proxecto que conta co visto bo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, pero non dos servizos urbanísticos municipais. Alegan que a distancia a vivendas particulares é menor dos 100 metros esixidos. En todo caso, o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, explicou que se trata dunha limitación que se corrixirá porque "trataremos de impulsalo porque ten moito interese para nós".