Nove asistidos por pelexas e catro intoxicacións etílicas, balance sanitario da Noitevella
Por Redacción
Dentro do contexto de antigas madrugadas do 31 de decembro ao 1 de xaneiro, a Noitevella deste 2012-2013 foi, para as fontes sanitarias consultadas, "normalita". "Moitas menos incidencias que en anos pasados", sinalan. O balance final foi en entre Pontevedra e O Salnés de catro persoas atendidas por intoxicacións etílicas e nove feridos de carácter leve tras verse implicado nalgunha pelexa.
Fontes do Complexo Hospitalario de Pontevedra indicaron que no Hospital Montecelo atenderon durante a madrugada deste martes 1 de xaneiro a tres persoas por intoxicación etílica, ningunha delas menor de idade. Neste centro hospitalario o balance é de "unha noite movidita, pero dentro do que é un fin de ano".
No Hospital do Salnés as fontes oficiais consultadas indicaron que os sanitarios do servizo de Urxencias atenderon ao longo da madrugada a unha persoa cunha intoxicación etílica e a outra por feridas atribuíbles a unha pelexa.
No Punto de Atención Continuada da Parda, en Pontevedra, ata as 5.00 horas da madrugada todos os pacientes que tiveron foron por patoloxías propias desta época do ano, como catarros ou outras infeccións respiratorias.
Entre as 5.00 e as 10.00 horas cambiou, non obstante, o perfil do paciente. Atenderon nesas cinco horas a oito persoas que relataron que se viran implicadas nalgunha pelexa e que presentaban incidencias acontecidas ao longo unha noite de festa, con patoloxías como contusións ou algunhas feridas ou cortes de escasa importancia.