Este domingo inaugúrase o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños
Por Oskar Viéitez
As comunidades de montes de Lourizán, Salcedo e San Xulián conseguiron superar as súas diferenzas e xuntar forzas para traballar nun proxecto común que o próximo domingo verá a luz coa inauguración do Espazo Arqueolóxico dos Sete Camiños.
Será ás 9:30 horas coa recepción aos visitantes que media hora despois percorrerán a ruta arqueolóxica no espazo natural dos montes comunais das tres parroquias.
Trátase dun proxecto de base, que nacera en 2004 como proposta dun comuneiro de Lourizán, e que durante máis de dez anos foi aglutinando vontades de persoas e entidades sociais, para finalmente materializarse en 2015, co apoio explícito de máis de 20 colectivos, que reflicte o gran respaldo social co que conta o proxecto.
Desta maneira, as tres comunidades de montes reafirman a súa aposta por un modelo de xestión baseado na multidimensionalidade do monte, co seu uso social como un dos seus piares fundamentais, no que a aposta en valor do patrimonio cultural que os montes albergan, xoga un papel destacado.
Non é a primeira vez que unha comunidade de montes invirte no patrimonio arqueolóxico, pero sí representa un caso único, o feito de que tres comunidades de montes, de concellos diferentes, se poñen de acordo para impulsar un proxecto destas características, por si mesmas, sen axudas públicas nin que a proposta veña dunha administración.
Representa, neste sentido, a maioría de idade das comunidades de montes, un cambio de mentalidade no que a súa responsabilidade cara ó patrimonio arqueolóxico, como propietarias dos terreos, se refire. En definitiva, por estes motivos, e por ser un exemplo paradigmático de proxecto de base, o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños xa representa un referente a nivel galego.
O proxecto ten dúas fases. Unha primeira, na que as comunidades de montes están inmersas agora, que consiste na creación dunha páxina web e a sinalización da Ruta Arqueolóxica dos Sete Camiños e dos elementos que integran o espazo. A empresa Citania, Arqueoloxía e Xestión do Patrimonio, cuxo orzamento foi seleccionado entre máis de media ducia, xa leva un tempo a traballar para que este soño de tantos anos se faga realidade.
Na segunda fase, cada comunidade de montes procederá a posta en valor dos elementos situados nos seus terreos, según os prazos e os medios que considere oportunos. Tamén está prevista a conexión do espazo coa Lagoa de Castiñeiras.