A Fiscalía de Pontevedra pide 13 anos de prisión para cada un dos tres acusados de secuestrar un home para roubarlle
Por Oskar Viéitez
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informou de dous xuízos que afrontará esta semana a Sección segunda da Audiencia provincial de Pontevedra, un por roubo con violencia, secuestro e lesións e o segundo por tráfico de drogas.
Para o martes 2 de xuño está previsto que se inicie a vista oral do xuízo contra tres homes acusados dos delitos de roubo con violencia, detención ilegal e lesións.
Estes tres individuos están acusados de golpear e tirar ao chan a outro no Cerquido (O Porriño), onde presuntamente lle quitaron o móbil antes de atarlle as mans e introducilo no maleteiro dun coche.
Segundo o escrito de cualificación do Ministerio fiscal levárono ata Portugal, onde ao sacalo do maleteiro presuntamente lle golpearon antes de quitarlle unha cadea de ouro, diñeiro en metálico e un móbil.
O fiscal pide para cada un trece anos de prisión. O caso procede do Xulgado número dous do Porriño.
TRÁFICO DE DROGAS
Esta mesma Sala da Audiencia pontevedresa abordará o xoves 4 un xuízo por delitos contra a saúde pública, que sentará no banco a seis acusados de participar no transporte de hachix con lanchas rápidas dende Marrocos a diferentes puntos da costa española, principalmente Andalucía e Levante.
Varios dos imputados foron descubertos en setembro de 2007, fronte á localidade de Benidorm, a bordo dunha lancha que ía cargada con 4.200 quilos de haxix.
O fiscal pide penas entre os cinco e os seis anos de prisión. A instrución deste caso procédese do Xulgado nº3 de Cambados.