Máis dunha trintena de espantallos participan no concurso exposición do río Barbeira
Por Redacción
Máis dunha trintena de pezas conforman este ano a VI edición do concurso exposición 'Espantallos da ruta do río Barbeira 2015' que dende hai seis tempadas organiza no mes de maio a Asociación Cultural Ruta do Río Barbeira da Lama. A exposición, que conta coa colaboración do Concello, permanecerá dispoñible ao público ata o próximo 24 de xuño.
Entre os máis de trinta 'espantallos' presentados este ano ao concurso encóntranse pezas do máis diversas. Estruturas tradicionais e outras de creación libre conforman esta bonita exposición, na que os visitantes poderán observar 'espantallos' caracterizados con motivos musicais, recreando escenas cotiás ou mesmo outros inspirados en personaxes infantís.
Ademais, a exposición conta co aliciente de desenvolverse ao aire libre, nun ámbito natural como o lugar do Verdugo (na parroquia lamense da Escuadra), polo que resulta unha visita perfecta para estes días de sol e temperaturas agradables ao estar próxima á praia fluvial do concello.
Este ano volverase premiar os mellores 'espantallos', para os que a organización valorará positivamente a realización tradicional, así como a utilización de materiais reciclables e naturais para a súa construción. Os gañadores serán anunciados o próximo sábado 6 de xuño, coincidindo coa festa da ruta do Rio Barbeira, onde haberá unha entrega de premios entre outros actos festivos.
Esta actividade cultural conta un ano máis coa colaboración do Concello da Lama, así como a Casa Rural 'Casa Florencio' ou a Comunidade de Montes da Escuadra e co paso dos anos ten consolidando entre os veciños e veciñas do lugar, ademais de visitantes de concellos próximos.