Como foi a reválida de 3º de primaria?
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Foron dúas xornadas sen incidencias e cun seguimento maioritario, segundo a Xunta, aínda que dende a Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos de Pontevedra (Fanpa) indicaron que numerosos pais non levaron os seus fillos a clase para evitar a chamada reválida.
Este xoves tocaban as probas en competencia en lingua castelá e matemáticas.
O máis complicado para os rapaces de terceiro de primaria foi concentrarse durante unha hora para cada materia e o propio modelo do exame, no que tiñan que elixir a resposta correcta entre varias opcións.
A proba de Competencia Matemática incluía sumas, restas, multiplicacións e divisións, ademais de recoñecer figuras xeométricas, e identificar unidades de medida, horas e datas. Os nenos dispoñían de cincuenta minutos para responder a todas as preguntas.
Na de Lingua Castelá os alumnos tiveron que demostrar a comprensión oral e escrita dun texto, ademais da súa expresión escrita.
É dicir, cuestións como describir o personaxe dun conto que acababan de escoitar ou redactar frases con determinadas palabras.
Para esta proba os nenos dispuxeron dunha hora completa xa que había algunhas cuestións que requirían unha maior reflexión pois a proba ofrecía a posibilidade de que o neno valorase a súa propia resposta e que indicase se entendera as preguntas, se cambiaría algo do que contestou ou si cre que cometeu algunha falta de ortografía ou escribiu cunha letra suficientemente clara.