Afectados polos despedimentos da Cámara: "Preténdese apartar ás persoas que acudiron a instancias administrativas e xudiciais"
Por Diego Espiño
Novo capítulo na novela de intriga que parece instalouse na Cámara de Comercio de Pontevedra. Logo dunha xornada con despedimentos, cambio de cerraduras, ambulancias, Policía Nacional ou denuncia ante a Inspección de Traballo, os catro empregados supostamente afectados pola regulación laboral aseguran que non recibiron notificación oficial do seu cese. Ao mesmo tempo denuncian unha persecución por recorrer á xustiza ante as supostas irregularidades na xestión da institución.
Nun comunicado remitido aos medios de comunicación os traballadores quixeron deixar claro que "non se seguiu ningún procedemento legal para notificar despedimentos", ao que engaden "que se pretende apartar ás persoas que acudiron a instancias administrativas e xudiciais solicitando que se cumpra coa legalidade".
Os empregados supostamente despedidos fan tamén alusión ao proceso xudicial que salpica á secretaria da Cámara, Charo Lorenzo, asegurando que "ningún deles atópase imputado en ningunha causa xudicial por condutas presuntamente delituosas".
Segundo relatan estes traballadores no comunicado, o acontecido nas instalacións camerais o pasado venres foi o seguinte: "tras ter que ser asistido un compañeiro polos servizos médicos de urxencias sanitarias e trasladado ao Hospital de Montecelo, ante os síntomas dun principio de infarto, é cando terceiras persoas que dicían actuar en nome da Cámara, cominaron nunha habitación fóra do seu posto de traballo, ao Delegado de Persoal a asinar uns documentos que non lle deixaron ler e que cando este ante as presións indicoulles que non era nin o momento nin o lugar, nin sabía quen lle querían facer asinar eses papeis, que tería que lelos previamente e non consideraba pola forma de dirixirse nin que fose o procedemento correcto, sentíndose intimidado informoulles que ía chamar á Policía, abandonando tras este anuncio do Delegado, estas persoas precipitadamente as dependencias da Cámara".
Relacionadas:
-
Abertas as dilixencias por acoso laboral na Cámara de Comercio
Por Anxo Lourido |
-
Fiscalía chama a declarar aos cinco traballadores que denunciaron á Cámara de Comercio
Por Redacción |
-
Cambian as cerraduras da Cámara de Comercio tras despedir a catro empregados
Por Alejandro Espiño |
-
Dimite o presidente da Cámara tras aprobar catro despedimentos e rebaixar o soldo ao resto do persoal
Por Oskar Viéitez |