Batman é o superheroe elixido desta volta para "tunear" a escultura de Manuel Fraga en Cambados
Por Alejandro Espiño
A escultura de Manuel Fraga nos xardíns de Torrado (Cambados) non gaña para sustos, ou neste caso para disfraces de superheroes. Se hai apenas un mes, a figura do expresidente da Xunta de Galicia aparecía pintado a imaxe e semellanza do Superman, esta vez foi outro dos superheróes máis populares, o home morcego, o elixido polo descoñecido "artista callejero".
Co símbolo de Batman estampado no peito nunha cor verde fosforito, a escultura de Fraga tiña pintada do mesma cor os pantalóns, os ollos a modo de antifaz, a copa de viño que suxeita na man e a capa de Gran Mestre do Albariño.
Amencía así esta mesma mañá, pero xa foi restaurada ao seu estado orixinal. O Concello de Cambados ordenou unha limpeza de urxencia e sobre ela, non queda máis que algúns restos de pintura. Pero antes diso, as imaxes xa circulaban por Internet.
En todo caso, descoñécese a identidade do autor ou autores desta nova intervención contra unha escultura envolta na polémica desde que se instalou o pasado verán. A Policía Local investiga o sucedido, aínda que recoñecen que será moi difícil averiguar quen parece estar decidido a que a estatua de Manuel Fraga siga deixándonos imaxes como esta.
Son moitos en Cambados os que se preguntan cal será o próximo disfraz de superheroe que lle enfundarán á estatua.