Afectados polas preferentes concéntranse ante a casa de Rajoy en Sanxenxo para pedir a súa mediación
Por Redacción
Unha "Santa Compaña" para recordarlle ao presidente do Goberno que "seguimos como almas en pena". Así se presentaron un centenar de afectados polas participacións preferentes ante a casa que Mariano Rajoy ten no paseo de Silgar de Sanxenxo. Ata alí desprazáronse para demostrar a súa indignación ante a situación que están vivindo e pedir a mediación do Executivo central.
Coincidindo co Día dos Santos Inocentes, os afectados desfilaron coma se se tratase dun enterro polo paseo de Silgar, ata chegar á altura da casa do presidente, malia que el non se atopaba nela, senón en Madrid. Diante da vivenda, leron un comunicado solicitando a súa axuda para evitar que moitos deles queden nunha situación económica moi complicada.
"Se non hai solución imos ter un inverno moi quente en Sanxenxo e ninguén poderá descansar", berraban os manifestantes ante a posibilidade de que se poña fin á vía da arbitraxe para resolver o conflito e recuperar o seu diñeiro.
Neste sentido, a plataforma de afectados de O Salnés avanza que, para forzar o posicionamiento público de cargos electos, decidiron que as próximas mobilizacións trasládense directamente aos políticos, "para que digan de que lado están".