A polémica festa de fin de ano de Vilagarcía cambia de lugar, pero o Concello ameaza con prohibila
Por Redacción
A polémica festa de fin de ano que se ía a celebrar no local coñecido como Tasca de la Marina atopou unha localización alternativa. Como anuncian os seus organizadores, Port Party A Tasca, terá lugar noutro establecemento hostelero de Vilagarcía, La Bohéme. Recoñecen que "non é o local con mais fama de Vilagarcia pero si é un bo local que vai estar pechado para nós".
Aseguran que o aforo da festa non superará as 200 persoas. Garanten "moi boa música e moi bo ambiente" e recoñecen que o cambio do local causoulles un importante prexuízo económico. En todo caso, piden a todos aqueles que compraron a entrada para a outra festa que confirmen si asistirán a esta nova convocatoria.
Agora queda por ver que fará o Concello de Vilagarcía. Desde Ravella aseguran que "en ningún momento" recibiu solicitude algunha para a celebración desta festa, por tratarse dunha concesión da Autoridade Portuaria. De chegar tal petición, aseguran, "o Concello faría os informes precisos segundo a normativa da Xunta de Galicia". Recordan, en todo caso, que o prazo para facelo hai días que rematou e tampouco o arrendatario das instalacións tiña ao día a correspondente licenza municipal de actividade.
Agora que xa tanto dende a Autoridade coma do propio concesionario se anunciou que esa festa non se levará a cabo onde estaba prevista e que os seus promotores afirman que están a buscar un local alternativo, o Concello quere advertir que "é materialmente imposible tramitar administrativamente unha petición en tal sentido, a dous días do fin de ano".
Sexa como sexa, diante da inmediata celebración do fin de ano e trala polémica xerada por una festa que ía celebrarse no local coñecido como Tasca de la Marina, o Concello de Vilagarcía fai unha chamada á responsabilidade dos hostaleiros, dos pais e dos asistentes ás festas previstas para que a noite do 31 transcorra con normalidade.
Aos hostaleiros, "porque como profesionais do sector deben cumprir unha serie de normas sobre horarios, seguridade e ruídos, entre outras". Aos pais, di o gobernó local "porque son responsables da educación dos seus fillos". E aos asistentes das festas, "porque deben observar unhas mínimas normas de urbanidade, xa que a liberdade de cada un acaba onde comeza a dos demais".
Como cada ano, o Concello ten preparado un operativo de vixilancia e seguridade, pero para que todo transcorra con normalidade, como vén sendo habitual nos últimos anos, "é preciso que todo o mundo poña algo da súa parte".