A xornada de reflexión en Forzáns, con sabor a callos
Por Redacción
Poucas xornadas de reflexión máis saborosas houbo na provincia de Pontevedra como a dos veciños de Forzáns (Ponte Caldelas). Dedicaron este caloroso sábado a degustar unha porción de callos nunha nova edición da exaltación gastronómica dun dos pratos característicos desta parroquia.
Esta celebración, que alcanza a súa novena edición, se converteu xa nun clásico en Ponte Caldelas e nel participan os socios desta entidade que comparten mesa e mantel para degustar un prato de callos preparados ao estilo da zona, onde o sabor e a presenza de especias destramente empregadas fan desta receita un dos segredos mellor gardados das cociñeiras que se encargan de preparalos.
Despois dos cánticos de rigor oficiados polos membros da coral e do grupo de cantareiras, os asistentes ao evento participaron no tradicional baile, nesta ocasión amenizado polo Dúo Estelar, que interpretaron pezas do repertorio festivo habitual no que non faltaron os pasodobres.
O encontro veciñal foi aproveitado pola directiva da Asociación Cultural O Torreiro de Forzáns para informar e anotar os interesados en participar nas distintas actividades previstas para o mes de xuño. Inclúen, ademais desta festa gastronómica, a participación na recreación da Batalla de Casaldeirigo (Valga), contra os franceses, o próximo sábado 30 de maio, así como a de Ponte Sampaio, que terá lugar o sábado 6 de xuño.