O risco de caída dun cartel mobiliza os bombeiros a Cobián Roffignac
Por Redacción
Os bombeiros de Pontevedra tiveron que trasladarse na tarde deste xoves ata a rúa Cobián Roffignac ante o risco de caída dun cartel instalado nun primeiro piso e a conseguinte situación de perigo que supoñía para os viandantes.
A intervención realizouse arredor das 20.00 horas. No parque de bombeiros recibiron un aviso de que o cartel da sede de Xuntos, Asociación Síndrome de Down de Pontevedra, amenezaba con descolgarse e caer ao chan.
Os bombeiros desprazaron dúas dotacións ata o lugar, no numero da rúa Cobián Roffignac e, con axuda dun guindastre, procederon a retirar o cartel para evitar a previsible caída.
A manobra non se prolongou moito tempo, pero si causou un gran balbordo ao producirse nunha rúa moi transitada a esa hora da tarde e porque os dous vehículos de bombeiros tiveron que situarse no medio da calzada, imposibilitando a circulación de vehículos.