A Asociación de Amigos do Museo denuncia a falta de licenzas do restaurante do Sexto Edificio
O restaurante que se encontra no edificio Sarmiento centra as denuncias da Asociación de amigos e amigas do Museo de Pontevedra ao afirmar que carece de licenza de obra e de licenza de ocupación. Os integrantes da Asociación destacan que a Deputación é a responsable do incumprimento da lexislación patrimonial e do tratamento dos fondos, escusando a empresa arrendataria. Segundo a asociación, foi o arqueólogo da Xunta de Galicia, Xulio Carballo Arceo quen chamou a atención á Deputación Provincial sobre as obras ilegais e propuxo a tramitación dun expediente sancionador á entidade.
O expediente de obras do edificio Sarmiento e do Sexto Edificio comezou en 2005 segundo a asociación, polo que se leva unha década para regular estas obras e outorgar as licenzas. Isto é debido, entre outras cousas, a que a Deputación modificou ata en cinco ocasións o proxecto, segundo a información da asociación.
Por outra parte, o colectivo tamén denuncia o mal estado de conservación no que se encontra a sala dos Miliarios e lamenta que non poidan ser visitados polo público que acode ao Museo. Catro dos Miliarios que se encontran no Museo son propiedade da asociación Malvar que, a través de Ernesto Vázquez-Rey un dos membro da familia propietaria da colección que é tamén membro dos Amigos do Museo, solicitou por escrito o acceso á sala para ver o estado dos catro Miliarios. Segundo afirma o propio Vázquez-Rey, estas columnas permanecen en mal estado de conservación e temen polo seu mantemento.
RESPOSTA DE ANA ISABEL VÁZQUEZ
A deputada de cultura Ana Isabel Vázquez respondeu ás declaracións da asociación. Con respecto á denuncia relacionada coas licenzas e as obras irregulares, a responsable do goberno do Museo apunta que o restaurante, que abriu o un de abril, se acha dentro dos prazos para conseguir os documentos que lle faltan, pero que "non está en ningún momento en situación irregular". Todos os documentos, segundo a deputada, se encontran en trámite e á espera de recibir a licenza. Pero todo isto estase a levar, alega, seguindo os mesmos tempos de xestión que calquera persoa ten ao pedir unha licenza.
En cuestión á sala dos Miliarios, Ana Isabel Vázquez respondeu que a sala na que se aloxan está actualmente en proceso de restauración, polo que se encontra temporalmente pechada ao público e "non se pode dicir que está en mal estado" porque hai uns técnicos que se encargan da conservación de todas as pezas do museo. A sala abrirase cando finalicen as obras e "iso leva o seu tempo", segundo sinalou a deputada.