Un empresario denuncia ante a Xunta o proceso de fusión da Cámara de Comercio con Vigo e Vilagarcía
Por Redacción
O proceso de fusión das cámaras de comercio de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Vigo volveu ser cuestionado. Un grupo de empresarios adscritos ao ente pontevedrés mostraron as súas dúbidas sobre a forma na que se presentou e un deles deu un paso á fronte e presentou unha denuncia ante a Dirección Xeral de Comercio cuestionando o control da legalidade dos acordos adoptados.
O empresario en cuestión, que é vogal da Cámara e non quere facilitar a súa identidade, acóllese ao seu dereito a reclamar información á Administración competente e reclama a acta do Pleno Extraordinario da Cámara de Comercio de Pontevedra do 24 de abril no que se aprobou o protocolo de integración institucional das tres cámaras ante a dúbida de que non cumpriu cos requisitos legais necesarios.
O denunciante mantén que a Cámara aprobou o protocolo alegando que tivo o voto favorable da maioría dos presentes e só dúas abstencións nun pleno no que houbo quórum abondo. O empresario sementa dúbidas sobre esa afirmación explicando que nos últimos meses se produciron entre 7 e 8 dimisións, de modo que para calcular a asistencia contabilizaron que asistían a porcentaxe necesaria de entro os que seguen en activo. Non obstante, segundo a súa interpretación do regulamento interno, o quórum debe calcularse sobre a base dos 29 membros do Pleno e non só dos que quedan.
A Cámara de Pontevedra ten como ámbito de influencia 25 concellos e este empresario asegura que, tras as dimisións, non todos están representados, de modo que se adoptou unha decisión transcendental para o futuro da institución sen contar con todos os afectados.
Antes de chegar ata a Administración, o empresario pediu a acta na propia Cámara e ante notario, pero a resposta oficial do ente foi que non podían facilitarlle o documento "por limitacións materiais e xurídicas", pero sen explicar cales son. Tras esa resposta, presentou a reclamación, na que explica que quere comprobar a legalidade do acordo e que lle negaron a acta da sesión.
A Cámara viuse obrigada a celebrar ese pleno extraordinario cuxa validez agora se cuestiona por orde da Xunta de Galicia, pois nunha primeira votación non se cumpriron as condicións legais necesarias de aprobala con quórum abondo e maioría absoluta.
Relacionadas:
-
A falta de apoio dos empresarios á nova Cámara de Comercio deixa a Pontevedra con só oito vogais
Por Natalia Puga |
-
Malestar entre o tecido empresarial pola "pérdida de peso" de Pontevedra na nova Cámara de Comercio fusionada
Por Redacción |
-
A Xunta presentará en setembro a nova Cámara resultante da fusión das de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Redacción |
-
A maioría do pleno da Cámara refrenda a fusión das institucións camerais de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Xunta require a Cámara de Comercio que convoque ao Pleno de xeito extraordinario para aprobar a fusión
Por Oskar Viéitez |
-
As Cámaras de Comercio de Pontevedra e Vilagarcía conservarán traballadores e sede tras a fusión
Por Natalia Puga |
-
Acordo para a fusión das Cámaras de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía
Por Redacción |