O Consello Social da Universidade celebrou o seu último pleno do ano no campus de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O campus de Pontevedra acolleu o derradeiro pleno do ano do Consello Social da Universidade de Vigo que tivo na orde do día a aprobación dos orzamentos para 2013 por un importe de 163,2 millóns de euros, un 0,15% máis que no exercicio anterior.
Outra das cuestións tratadas nesta xuntanza foi o visto e prace ao plan de humanización do campus pontevedrés, aprobado recentemente tamén pola Comisión de Urbanismo do Concello.
A Universidade investirá 451 mil euros para executar a mellora de aparcadoiros, espazos, zonas verdes e de ocio das Facultades de Ciencias da Educación e do Deporte, de Fisioterapia e da Escola Infantil, cunha renovación do mobiliario urbano e do sistema de iluminación.
No plano académico, o pleno tamén fallou favorablemente sobre a proposta de crear unha Escola Internacional de Doutoramento, que se encargará de organizar, planificar, xestionar e supervisar todo o relativo ás ensinanzas e actividades propias do doutoramento.
Asimesmo, os membros do Consello Social debateron sobre a extinción de títulos de mestrado, a titulación de Enxeñaría Biomédica, a distribución de docencia coa Facultade de Medicina de Santiago e sobre a situación das ensinanzas artísticas superiores.