Sesenta desempregados beneficiaranse do segundo programa EmpregaMarín
Por Redacción
Unha axuda da Consellería de Traballo e Benestar, valorada en 112.783,98 euros, permitirá ao Concello de Marín a segunda edición de EmpregaMarín, o programa integrado de emprego do municipio, que contará novamente cun total de 60 participantes.
O proceso de selección para tomar parte no devandito programa iniciarase no mes de setembro. Os candidatos non se teñen que inscribir no Concello, unicamente terán que estar inscritos como demandantes de emprego nos Servizos Públicos de Emprego e ter solicitado na súa demanda o servizo de programas experimentais.
Os colectivos aos que vai orientado o programa son os desempregados menores de 30 anos, persoas perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción ou persoas beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional.
A selección definitiva terá lugar no Concello só entre aqueles demandantes de emprego que sexan enviados polos Servizos Públicos de Emprego.
A finalidade última do programa Empregamarín II é a de posibilitar a integración laboral de persoas demandantes de emprego con dificultades para acceder a unha ocupación no mercado laboral.
Este programa contempla a posta en marcha dun plan integral que combinará accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, mobilidade xeográfica ou formación para a igualdade. Como gran novidade, respecto á edición anterior, os participantes contarán coa posibilidade de desenvolver un curso de alfabetización informática.