Os bombeiros piden á cidadanía ser rescatados
Por Redacción
Os bombeiros de Pontevedra coordinaron este mércores xunto cos distintos corpos de Bombeiros de Galicia, tanto de xestión directa como indirecta, nunha acción para reclamar o apoio da cidadanía na defensa da xestión pública das emerxencias, extinción de incendios e salvamento. A acción consistiu no despregue de pancartas co lema da manifestación que levaran a cabo o próximo día 15 de maio en Santiago de Compostela, e que partindo de San Lázaro ás 11:00 horas chegará ata a Praza do Obradoiro.
Os bombeiros de toda Galicia, convocados pola Mesa Intersindical de Bombeiros co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia e a Coordinadora Unificada de Bomberos Profesionales escenificaron esta chamada á cidadanía a participar na mobilización baixo o lema "rescátanos" nunha serie de accións sincronizadas repartidas por todo o país.
Queren que sirva esta acción como exemplo do que lles toca facer no día a día no seu traballo, "suplir a falta de coordinación derivada do actual modelo coa nosa iniciativa persoal, e demostrar que só dende a coordinación e a xestión eficaz podemos obter o obxectivo das nosas funcións".
Critican que a xestión das emerxencias en Galicia, sofre unha "crónica falla de regulación homoxeneizadora, foi sempre un mostro de Frankenstein conformado por corpos distintos, individuais e non coordinados".
Sinalan os convocantes que na actualidade hai 23 parques de bombeiros privados en Galicia, cunha repartición de persoal "insuficiente", con equipos de "tres persoas" para atender a unha media de 13 concellos por parque.
Por iso, esixen á Xunta que cumpra a Lei de Emerxencias de Galicia de 2007 e elabore un estatuto de bombeiro profesional que "dea solucións ás deficiencias que presenta o sector".