O Grupo Lar borra as súas pegadas dos terreos de Tafisa
Por Oskar Viéitez
Coa retirada do monoposte publicitario o Grupo Lar borrar as súas últimas pegadas dos terreos da antiga fábrica de taboleiros de Tafisa ás beiras do río Lérez. Este mércores procedeuse á desmontaxe do cartelón publicitario da sociedade Pontelérez, creada por Lar para o malogrado desenvolvemento urbanístico destes terreos.
A manobra obrigou a cortar o carril de tráfico de suba a Monte Porreiro, habilitándose temporalmente o acceso peonil a través dos viais da urbanización de Tafisa.
Neste sentido, o Grupo Lar procederá a retirar todo o valado do recinto para que a cidadanía poida usar este espazo público cos seus viais, zonas verdes e o parque infantil construído na zona.
O tenente de alcalde responsable de Urbanismo, Antón Louro, xa deu orde aos servizos municipais e ás empresas concesionarias de servizos para que inspeccionasen as obras de urbanización, incluída a zona de Camiño Vello de Castela, xunto ao estadio do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, así como unha senda peonil, despois de que Lar presentase un escrito no Concello comunicando o fin das últimas actuacións pendentes de xardinaría e plantación de céspede, así como un certificado de final de obra.
Estes traballos de urbanización tiveron un custo final de 5,4 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Marea pide a retirada dos valados publicitarios da ribeira urbana do río Gafos
Por Redacción |
-
Xa se pode pasear por Tafisa
Por Natalia Puga |
-
O Concello recepcionará de oficio os terreos de Tafisa ante as "largas" da empresa
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello avanza no proxecto do novo acceso a Monte Porreiro, que está en mans da Deputación
Por Natalia Puga |
-
O Concello inicia o proceso para a recepción dos terreos de Tafisa como municipais
Por Redacción |
-
Hai oco no mercado hoteleiro pontevedrés para un "cinco estrelas"?
Por Oskar Viéitez |