O Concello avanza no proxecto do novo acceso a Monte Porreiro, que está en mans da Deputación
Por Natalia Puga
A Deputación Provincial de Pontevedra ten xa nas súas mans o proxecto para crear un novo vial de acceso ao barrio de Monte Porreiro dende a zona dos antigos terreos de Tafisa. O Concello de Pontevedra leva anos co proxecto e xa falou deste coa Deputación, pero agora déuselle un novo impulso, está rematado e remitiuse á institución provincial para estudar entre ambas as dúas administracións a forma de afrontar o financiacimiento deste.
O proxecto, que incialmente estaba no convenio subscrito entre a Deputación e o Concello para poñer en marcha a Rolda Leste, non está agora asociado a ningun acordo de colaboración, pero o concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, confía en que se financie con fondos de ambas as dúas administracións. Ademais de abordalo cos responsables provinciais, o pasado 3 de febreiro fixéronlle chegar o proxecto definitivo, presupostado en 1,6 millóns de euros.
Mosquera explicou que ata o momento non sacara á luz que o proxecto xa fora trasladado á instución provincial porque "estabamos agardando a que a Deputación respondera", pero agora decidiu sacalo á luz para dar a coñecer que está rematado e, tras as eleccións municipais do 24 de maio, o novo Goberno local de Pontevedra, o terá xa preparado para darlle o impulso definitivo.
Mosquera: "Supon reducir a máis da metade a distancia para chegar a Monte Porreiro tanto en coche coma andando"
Dada a proximidade das eleccións municipais - ás 00.00 horas deste venres empeza a campaña electoral-, Mosquera non cre que se produza xa ningún avance na tramitación do proxecto ata despois dos comicios. Pasado o 24-M, confía en que a Deputación e o Concello recén creados retomen o tema e negocien as condicións da colaboración e a achega económica de cada administración.
O proxecto entregado recolle un vial de 750 metros dos que a maior parte son xa tramos de estrada xa existentes que hai que mellorar, pero existen dous tramos de 50 e de algo máis de 100 metros de nova creación. O resultado final será unha nova comunicación entre Tafisa e a zona dos Campos que "supón reducir a máis da metade a distancia para chegar a Monte Porreiro tanto en coche coma andando".
O novo acceso permitirá chegar á sede da UNED en apenas 20 minutos a pé e estará pensado xa para o tráfico peonil, ao incluír beirarrúas e outros elementos de humanización.