A estatua de Valle-Inclán, de novo sen ningunha man
Por Natalia Puga
Ramón María del Valle-Inclan quedou manco de ambas as dúas mans en Pontevedra. A estatua do escritor instalada na praza de Méndez Núñez perdeu a única man que tiña, coa que suxeitaba o bastón, a raíz dun accidente no que un taxista colisionou coa peza de bronce.
O accidente aconteceu sobre as 14.45 horas deste martes 5 de maio. Un taxista que circulaba pola rúa Don Gonzalo e, á altura da estatua, xirou para dirixirse á praza de Méndez Núñez. Nese momento, colisionou coa peza e provocou que se partise a súa única man, a dereita, á altura do pulso.
Marta, propietaria do bar La Gramola de Méndez Núñez, que presenciou a escena, explicou que "fue muy sonoro". O taxi chocou co foco dianteiro contra a estatua, de modo que esta parte do coche rompeu e, do impacto, tamén se levou por diante a peza. O estrondo causado motivou que varias persoas se congregasen no lugar.
Unha vez que confirmou o acontecido, o propio taxista púxose en contacto coa Policía Local de Pontevedra para dar conta do acontecido e os hostaleiros da zona fixéronse cargo da man. Quedou depositada nun establecemento da praza ata que, pouco despois, unha patrulla policial acudiu a recollelo. A peza rota está agora baixo custodia policial.
Dende ese momento, Valle-Inclán volve estar sen ningunha das mans. Non é unha situación nova para a estatua, pois hai apenas sete meses e medio un camión de repartición golpeouna e rompeu a man dereita, pero Marta recorda que nos dez anos que leva instalada na praza xa pasou en reiteradas ocasións. Algunhas veces, como esta última, debeuse a un accidente e noutras foi o resultado de actos vandálicos.
A perda da man chega nun momento pouco apropiado, pois este sábado 9 de maio está prevista unha gran festa en Méndez Núñez, a Troula Inclán. A celebración, que se prolongará dende as 13.00 horas ata ben entrada a madrugada, promóvese, precisamente, coa imaxe da coñecida estatua obra do artista César Lombera.