Cadeiras de rodas convertidas en ferramentas para crear
Por Redacción
Esther Gandía e Yoshimar Tello, dous estudantes da Facultade de Belas Artes, desenvolven desde hai unhas semanas un taller cun grupo de usuarios do centro de Amencer-Aspace en Pontevedra.
No marco do programa de voluntariado da Universidade de Vigo, estes alumnos organizan un obradoiro no que os asistentes traballan na elaboración dunha obra conxunta “a partires dos recursos que a cadeira de rodas pode ofrecerlles como ferramenta de traballo que posibilita a mobilidade e a expresión de quen a dirixe”.
Grazas á adaptación con brazos móbiles nos que se suxeitan pinceis ou rolos das súas cadeiras, este grupo de oito persoas con parálise cerebral convértense nos responsables da creación da obra colectiva que se está a xerar desde comezos de abril neste taller. Nel Tello e Gandía exercen “como axudantes que aplicamos a pintura ao soporte, para que eles, de forma autónoma, se movan ao longo da superficie e estendan a pintura”, segundo explica esta última, estudante do máster en Arte Contemporánea.
Mais o obxectivo final desta iniciativa, que comprende dez sesións semanais de tres horas e se estenderá ata o mes de xuño, non é tanto obter un resultado concreto, senón contribuír “a desenvolver a creatividade e a expresión individual” das oito persoas que participan no taller.
Estes dous alumnos recalcan tanto o “bo ambiente” das diferentes sesións, como o que esta experiencia lles está a achegar no persoal. “Sentímonos honrados por coñecer a persoas tan exemplares, non poderíamos estar máis agradecidos coa oportunidade que nos brindan”, engade Gandía, que incide en que, como estudantes, “máis aló das nosas burbullas persoais, son moitos os servizos que somos capaces de brindar á sociedade”.