Lavar as mans salva vidas
Por Redacción
O Día Mundial da Hixiene de Mans celébrase este 5 de maio en miles de hospitais e centros de saúde de todo o mundo, co obxectivo de contribuír a mellorar a seguridade do paciente. A Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés participa neste proxecto coa programación de diversas actividades para concienciar a profesionais sanitarios, pacientes e usuarios sobre a importancia da hixiene de mans, considerada como a principal medida para previr as infeccións relacionadas coa atención sanitaria.
As infeccións relacionadas coa atención sanitaria supoñen unha seria carga de enfermidade e teñen un efecto económico considerable nos pacientes e nos sistemas sanitarios de todo o mundo, polo que a simple tarefa de limparse as mans nos momentos axeitados e da forma axeitada, pode salvar vidas.
Entre as actividades programadas na área de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés destacan a colocación de grandes carteis informativos, ademais programáronse talleres de formación, e monitorización das prácticas de hixiene de mans dos profesionais durante a atención sanitaria.
CONCURSO DE CARTEIS
Entre as novidades da programación deste ano destaca a convocatoria, por primeira vez, dun concurso de carteis sobre hixiene de mans, aberto a todos os traballadores de Atención Primaria, Especializada e Sociosanitaria da área integrada de Pontevedra e O Salnes e aos alumnos do Grao de Enfermaría da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra.
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Hixiene de Mans, inaugurouse unha exposición no vestíbulo do salón de actos do hospital Montecelo, coas 31 obras participantes nesta edición, e entregouse o premio do xurado ao cartel presentado por Luis Enrique López García, da Unidade de Mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Obtiveron sendos accésits as obras presentadas por José Antonio Losada, da Unidade de Calidade, e por persoal de enfermaría da 6ª planta impar do hospital Montecelo.