Esta semana comezan as obras de saneamento de Pereiro-O Pozo, no concello de Marín
Por Redacción
Esta semana comezan as obras de saneamento en Pereiro-O Pozo, no concello de Marín, nas que a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá algo máis de 520.000 euros.
Esta actuación compleméntase coas instalacións de saneamento de Pereiro-Cadrelo, un proxecto licitado no mes de marzo e que actualmente está en fase de adxudicación, cun orzamento próximo aos 540.000 euros.
A primeira das actuacións, o saneamento de Pereiro- O Pozo, vai facilitar a posta en servizo da infraestrutura xa rematada no lugar de Miñán-A Esperela. Grazas a estas obras, os núcleos de Miñán, A Troncosa e A Esperela dispoñen dunha infraestrutura de saneamento que lles permite conectarse coas redes municipais máis próximas e xa existentes, como é a da parroquia de San Tomé de Piñeiro ou á da parroquia de O Campo.
O investimento desta actuación foi de 753.000 euros.
As obras de saneamento Pereiro-O Pozo e Pereiro-Cadrelo están recollidas no convenio asinado en 2010 entre a Xunta e o Concello de Marín, polo que se desenvolven varias infraestruturas hidráulicas no rural e das que xa se executaron actuacións por máis de 1,5 millóns de euros.