Un total de 160 persoas optan aos 17 postos de operarios de reforzo estival de limpeza de praias
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo acaba de publicar a lista de aspirantes ás 17 prazas convocadas para reforzar a área de limpeza de praias durante a campaña de verán. Son un total de 160 as persoas que optan a estes postos ofertados pola Administración local, que formalizará contratos a tempo parcial cunha duración aproximada de dous meses e unha xornada semanal de 25 horas.
As tarefas que realizarán os seleccionados consistirán no baleirado das papeleiras das praias, retirada de residuos da área de limpeza en zonas verdes anexas aos areais, incluídos paseos, sendeiros e vías de acceso, recollendo os residuos e realizando un mantemento de roza, limpeza, e nivelación da area nas saídas naturais de augas pluviais.
O persoal encargarase tamén da retirada de algas e do seu traslado ao vertedoiro autorizado, ao igual que dos outros residuos depositados na area, todo iso baixo a supervisión e control das concellarías de Personal, Servizos e Medio Ambiente.
Na páxina web municipal e no taboleiro de anuncios da Casa Consistorial pode consultarse a lista de admitidos a este proceso, así como as quendas de celebración das probas de selección, que se desenvolverán o mércores e o venres, dende as 9.30 horas, no Pazo Emilia Pardo Bazán.
Alí, os candidatos terán que superar un exame oral no que se valorarán aspectos relativos aos seus coñecementos tanto do municipio coma dos labores a desempeñar, a súa dispoñibilidade horaria, experiencia, antigüidade como desempregado, cargas familiares e nivel de renda.