O CHOP recluta enxeñeiros, matemáticos, biólogos, químicos, publicistas...
Por Oskar Viéitez
Primeira reunión de traballo desde o recoñecemento oficial do Complexo Hospitalario de Pontevedra como centro Universitario.
O rector da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e o gerente do CHOP, José Manuel González, abordaron nun encontro na Casa das Campás os detalles deste "salto cualitativo e cuantitativo" dos hospitais de Pontevedra e O Salnés.
"Ábrense moitísimas posibilidades de colaboración, a nivel de grao, máster ou doctoramiento", apuntaron.
En principio o máis inmediato son os alumnos de Medicina e doutras carreiras vinculadas ás ciencias da saúde que residan no Norte da provincia para completar a súa formación clínica no complexo pontevedrés. Especialmente as titulacións pontevedresas de Fisioterapia e Enfermería (esta última en proceso de integración na Universidade).
Pero non só iso, e por que non? Bioloxía, Telecomunicacións, Química, Matemáticas, Económicas, Ciencias Políticas, Publicidade, son innumerables posibilidades de traballar conxuntamente e desenvolver novas investigacións para o ben común.
"No ámbito social, empresarial e por suposto a internacionalización", engadiu Salustiano Mato.
"Hoxe marcouse unha folla de ruta que axunta os plans estratéxicos de ambas institucións para buscar puntos comúns", sinalou o rector, temas académicos, docentes e transferncias de coñecemento.
"As cousas agora hai que levalas á práctica", resumiu José Manuel González.
Ata agora o CHOP estaba certificado como un hospital asociado á Universidade, coa que colaboraba na realización de prácticas en períodos non lectivos, e contaba con 22 especialidades convalidadas polo Ministerio de Sanidad para a formación de posgrao. "O Hospital está disposto a empezar canto antes", concluíu o xerente.