"Pensé que todo explotaba" ante un coche que subiu ás beirarrúas e derrubou un farol
Por Natalia Puga
"Pensé que todo explotaba, hubo un estruendo muy grande y todos salimos a la calle". Unha veciña da zona limítrofes entre as rúas Peregrina e avenida de Vigo relata con esta alarma os feitos. Un condutor que supostamente conducía a unha velocidade inapropiada e con movementos pouco ortodoxos subiu á beirarrúa e levouse por diante un farol.
Testemuñas presenciais indicaron que o incidente aconteceu pouco antes da media noite deste mércores. O condutor conducía "a lo loco", supostamente facendo derrapaxes, cando se subiu aos bordes que separan a calzada da beirarrúa na zona entre o antigo hospital Santa Rita e a ponte na que remata a rúa Peregrina e empeza a avenida de Vigo.
Pouco antes da ponte, chocou contra un farol, derrubouno e sufriu importantes danos no vehículo. O estrondo sentiuse en toda a rúa e motivou que os veciños se asomasen dende as súas portas e ventás e os clientes dos bares e cafetarías da zona saísen ao exterior para descubrir que sucedía.
A consecuencia destes feitos decenas de veciños concentráronse arredor do vehículo e foi alertada a Policía Local. Unha patrulla levantou atestado do sucedido, cortou a rúa entre Augusto González Besada e o hotel Galicia Palace e deu aviso ao Corpo de Bombeiros.
Fontes dos bombeiros indicaron que recibiron o aviso do sucedido ás 00.05 horas e acudiron ao lugar. Foi necesario que levantasen o farol que fora derrubado e obstaculizaba a calzada. Constatan que o vehículo quedou esnaquizado.
O veciño da rúa Peregrina Pablo Dapena compartiu no twitter de PontevedraViva imaxes do incidente realizadas dende un edificio e comentou que o coche "quedó inmovilizado tras romper el eje y varios componentes".