CIG sae á rúa contra os recortes horas antes do comezo da campaña
Por Diego Espiño
Baixo un longo lema "Paremos o PP! Non ao saqueo do pobo. Existen alternativas. Rescatemos os nosos dereitos", e coa campaña electoral de pano de fondo, CIG saíu á rúa para rexeitar as políticas de axuste e recortes de Xunta e Goberno.
Así o defende Rafael Iglesias, secretario comarcal do sindicato, "é intolerable que os presupostos do Estado recorten un 20% en sanidade, educación e servicios sociais, todo para pagarlle os intereses á banca. A este paso chegaremos o próximo ano aos 300.000 parados en Galicia".
Preto dun millar de persoas acudiron á convocatoria, na que non faltaron os alcaldes de Pontevedra e Poio, Miguel Anxo Fernández Lores e Luciano Sobral, e diversos concelleiros do grupo municipal do BNG da capital.
Segundo a CIG, as manifestacións supoñen unha chamada de atención sobre o significado que terá para Galicia votar ao Partido Popular o próximo 21 de outubro.