Sae a poxa a farmacia das galerías Oliva
Por Oskar Viéitez
Algúns hai, pero son moi poucos os negocios que sobreviven a esta profunda crise. Nin sequera as farmacias, otrora auténticas minas de ouro.
Este próximo domingo cumprirase un ano desde que, a instancias do titular Federico Moreno Izquierdo, facíase a declaración de concurso voluntario abreviado para a farmacia das Galerías Oliva.
Agora, a licenza desta botica, sae a poxa. Será a primeira vez na que isto ocorra en Pontevedra.
Ao solicitar o embargo o banco, e concedelo o xulgado do mercantil, activouse o procedemento de poxa que ven regulado na nosa lexislación.
Hai tres tipos de poxas. Nas dúas primeiras só se aceptan puxas por encima da débeda restante (que xa inclúe as penalizacións do banco por impago). Na terceira acéptase calquera puxa, e o que falte para saldar a débeda o seguirá debendo ao banco o antigo titular.
Respecto de quen poden acudir a unha poxa de licenza só poden ser farmacéuticos. Tras iniciar o xuíz a poxa comunícallo ao colexio correspondente e este verifica logo a titulación dos aspirantes.
E canto pode valer unha farmacia? Segundo José Luís Rodríguez Dacal, presidente da Federación de Farmacias de Galicia (FEFGA), o valor dunha oficina de farmacia mídese sempre pola súa facturación media, e esta está condicionada fundamentalmente pola súa ubicación xeográfica e a súa proximidade aos centros de saúde.
Para facernos unha idea aproximada o prezo das boticas antes da crise era o resultado de multiplicar por tres a facturación anual. Agora multiplícase por 1,5. ÿ dicir, si a facturación anual é de medio millón de euros, un establecemento que antes podía alcanzar o millón e medio agora manteríase nun máximo de 750.000 euros.
A das galerías da Oliva é a primeira, pero non será a última.
Máis do 10% do persoal foi despedido ou non renovado, durante este ano 2012
Para Rodríguez Dacal as razóns desta crise dos seus sector hai que buscalas nas medidas adoptadas polas administracións para rebaixar o gasto sanitario, con repetidas baixadas no prezo dos medicamentos, a obrigación de dispensar máis genéricos e a entrada en vigor do copago, o pasado mes de agosto, que están facendo mella nas boticas galegas.
Só desde que entrou en vigor o copago, o descenso de ingresos en Galicia foi superior ao vinte por cento. Máis do dez por cento do persoal foi despedido ou non renovado, durante este ano 2012.