O xulgado arquiva a causa dun condutor que denunciou un policía por ameazas
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra decidiu arquivar a causa xudicial aberta contra un axente da Policía Local de Pontevedra por presuntamente insultar e ameazar un cidadán. O xuíz considera que non está debidamente acreditado o delito que se lle atribuía, de aí que decretase o sobresemento provisional das actuacións e o arquivo da causa.
O xulgado incoara dilixencias contra o policía por un presunto abuso no exercicio da autoridade, pero, unha vez arquivada a causa, todo se pecha sen ningunha consecuencia contra el.
O voceiro do Goberno municipal, Raimundo González, deu conta do auto ditado o 27 de marzo sobre esta causa e explicou que todo se remonta ao mes de decembro do ano 2014 e a un incidente relacionado cunha denuncia de tráfico.
O axente en cuestión puxo unha denuncia de tráfico a un condutor por levar un coche sen utilizar o cinto de seguridade. Ao día seguinte, o condutor denunciou o policía acusándoo de insultalo e ameazalo.