UGT inicia o proceso para reducir a súa estrutura na provincia de Pontevedra
Por Diego Espiño
A crise económica debilitou sobremaneira aos tres principais sindicatos. Baixada de afiliacións, subvencións e de financiamento por terceiras vías fan inviable manter a estrutura das organizacións tal cal as coñecemos.
UGT, CCOO e CIG son coñecedores diso, pero o primeiro é o que xa fixou as datas crave nas que debaterá o seu futuro entre os seus delegados. O sindicato convocou dous congresos extraordinarios o 7 de febreiro e 18 de abril como paso previo á cita ordinaria do 12 de setembro de 2013, onde se fixarán as directrices a seguir pola organización.
A redución de estrutura e orzamento podería ser de ata o 50% nalgúns ámbitos
A situación financeira obriga a unha importante redución de estrutura e orzamento que en determinados ámbitos chegará a ser do 50%. O máis rechamante neste proceso podería ser a fusión de unións comarcais e federacións. Na provincia de Pontevedra funcionan unións comarcais en Deza, Arousa, Vigo e Pontevedra, un número que podería reducirse a dous, unha norte e unha sur. O mesmo pasará coas federacións, das nove actuais quedarían tres grandes divisións.
A redución nos delegados xa se iniciou hai catro anos, pero a intención de UGT, como recoñece o seu secretario comarcal en Pontevedra Ramón Vidal, é manter a súa representación nos centros de traballo, "pretendemos que as reduccións non afecten á nosa intervención nas empresas".