O centro histórico está "cardioprotexido"
Por Oskar Viéitez
Por cada minuto que nos atrasamos nas manobras de resucitación as posibilidades de sobrevivir diminúen entre un 7 e un 10 por cento.
Actualmente só se evitan o 2 por cento dos falecementos por morte súbita, unha causa que provoca 40.000 mortes ao ano en España e que se caracteriza por ser rápida e inesperada, pode producirse en calquera momento e a calquera idade, sen previo aviso e de xeito non violento.
A maior parte dos casos prodúcense fóra do ámbito hospitalario e en lugares públicos, polo que dispoñer dun desfibrilador é vital para salvar a vida do paciente ou evitar as complicacións asociadas á perda de coñecemento durante máis de dez minutos.
O ter acceso a un desfibrilador nos lugares públicos podería evitar ata un 20 por cento dos casos de morte súbita, así o entende José Carlos Martínez, propietario da farmacia sita en Curros Enríquez que dotou ao seu establecemento deste aparello electrónico para o seu uso público.
Curiosamente é a única farmacia de toda Galicia que dispón dun desfibrilador ao servizo da cidadanía.
Apenas levan dous meses con el e ao ter as farmacias prohibido facer publicidade a presenza do desfibrilador non era moi coñecida, aínda que si o saben no Servizo de Urxencias do 061, de modo que os responsables de atender as urxencias sanitarias dispoñerán del para atender con maior rapidez, por exemplo, un caso de infarto na zona monumental.
José Carlos Martínez ademais de pagar do seu peto os cinco mil euros que custou está máquina tivo que facer, xunto ao resto dos traballadores da farmacia, un curso para coñecer o funcionamento do dispositivo.
Todos coincidimos en que sería un grave erro ler un día a noticia de: "Morreu dun paro cardíaco na porta dunha farmacia", José Carlos Martínez, está decidido a que isto non ocorra, polo menos ante a súa farmacia. Que cunda o exemplo.