Deteñen un home por roubar nunha comecartos
Por Oskar Viéitez
Un home de 40 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, foi detido por axentes da Policía Nacional como presunto autor dun delito de roubo con forza nun establecemento de hostalaría da cidade.
Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra os feitos sucederon sobre o día 10 de abril, cando presentaba denuncia en Comisaría o encargado da instalación de máquinas recreativas.
Ao parecer cando se dispoñía a efectuar a recadación da máquina comecartos observou que presentaba síntomas de ter sido forzada, botando en falta un total de 1.095,50 euros.
Ao lugar desprazáronse axentes da Brigada Provincial da Policía Científica que levaron a cabo a correspondente inspección ocular. Tras iniciarse as pertinentes investigacións os axentes policiais lograron identificar o presunto autor dos feitos que foi detido polos axentes o día 17 de abril ás 10.00 horas da mañá por un delito de roubo con forza.
Unha vez en dependencias policiais tramitouse o correspondente atestado policial.