A aplicación turística 'Sanxenxo na túa man' opta aos premios conmemorativos do Día de Internet
Por Redacción
A aplicación de Turismo de Sanxenxo para smartphones 'Sanxenxo na túa man', así como a páxina oficial da empresa mixta en Facebook optan aos Premios de Internet, que teñen por obxectivo recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou organizacións que máis destacaron en 2014 no bo uso de internet e as novas tecnoloxías.
Esta iniciativa está organizada con motivo da conmemoración, o próximo 17 de maio, do 'diadeinternet', unha efeméride que se celebrou por primeira vez en España en 2005 por iniciativa da Asociación de Usuarios de Internet (aui.es). Naquela primeira edición organizáronse 534 eventos por toda España e máis de 200 entidades públicas e privadas subscribiron a Declaración de Principios para construír a Sociedade da Información.
Na presente edición os premios estarán establecidos nas categorías de mellor web, mellor campaña de comunicación, mellor contido audiovisual, mellor aplicación para cada tipo de dispositivo e mellor perfil nas redes sociais.
O Comité de Impulso está composto por organizacións de ámbito nacional de recoñecido prestixio, especialmente interesadas e involucradas en promover o desenvolvemento e o bo uso de internet e das novas tecnoloxías, como asociacións, colexios profesionais, federacións, sindicatos, partidos políticos, universidades, centros, confederacións, entre outros. O compromiso de cada un dos seus compoñentes é impulsar o desenvolvemento de eventos e actividades relacionadas co 'diadeinternet' entre os membros das súas respectivas organizacións e nas súas áreas de influencia.