Sanxenxo presenta a súa oferta turística a axencias de viaxe de Xapón
Por Redacción
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, recibiu este luns representantes da Asociación de Axencias de Viaxe de Xapón que se desprazaron ao municipio para coñecer o destino turístico. Nesta visita, froito da colaboración da Administración local co Clúster Turismo de Galicia a través do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, a delegación nipoa tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as calidades que presenta o concello como lugar de vacacións.
Así, a rexedora expuxo a Takehiro Oikawa, Yoshitaka Hoshima e Nobuyuki Ikeda as características que definen o municipio como capital turística das Rías Baixas. A gastronomía, as praias, as comunicacións a través de vías de alta capacidade con outros centros de interese de Galicia como Santiago de Compostela, foron algúns dos puntos nos que fixo fincapé a rexedora durante o encontro.
Ademais, Catalina González incidiu especialmente no compromiso do sector público e privado coa calidade. "Temos un centenar de empresas locais certificadas pola calidade dos seus servizos e da atención os seus clientes", recordou a alcaldesa.
Neste mesmo sentido manifestouse tamén o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González, quen comentou o feito de que "as empresas de Sanxenxo teñen unha media de valoración en portais como Booking e Tripadvisor superior ao 8".
Ambos os dous representantes destacaron a importancia desta visita "que nos permite abrir Sanxenxo ao mercado nipón e, polo tanto, avanzar na aposta pola internacionalización deste destino turístico na que estamos a centrar o noso traballo nos últimos anos, engadiu a alcaldesa.
Pola súa banda, os axentes de viaxe chegados de Xapón manifestaron a súa percepción de que Sanxenxo é un destino turístico de calidade e apuntaron á gastronomía, ao enoturismo e ás actividades deportivas como puntos de interese do municipio para o visitante nipón.