A penúltima semana de abril trae temperaturas agradables e algunhas chuvias ás Rías Baixas
Este luns presenta unha xornada con menor inestabilidade atmosférica que os anteriores días debido á bolsa de aire frío en altura que se localiza no Atlántico ao oeste da península Ibérica. Debido a esta situación durante a mañá haberá ceos moi despexados segundo a información de MeteoGalicia. As temperaturas mínimas sufriron un lixeiro descenso ata os 8 graos, pero as máximas experimentaron un ascenso ata alcanzar os 20 graos. Os ventos estarán a soprar dende o oeste durante todo este luns.
O martes volverá estar nunha área atmosférica inestable pola presenza dunha baixa relativa no Atlántico, fronte á costa de Portugal, que introducirá aire cálido en superficie pero frío en altura. Estas condicións farán que o día comece en xeral con ceos pouco anubrados ou despexados, pero a medida que avancen as horas irán desenvolvéndose nubes que pola tarde que darán lugar a chuvascos de carácter tormentoso. As temperaturas durante o martes ascenderán entre moderada e notablemente, 10 graos de mínima e 21 de máxima, polo que a sensación será en xeral de bochorno antes de chegar as tormentas. Os ventos estarán a soprar con dirección variable.
Un sistema frontal pasará por Galicia durante a primeira metade da xornada do mércores, o que marcará a meteoroloxía deste día. As chuvias que se iniciarán na parte sur da comunidade iranse desprazando cara ao norte a mediada que avance a mañá. Pola tarde, a situación meteorolóxica será máis estable con ceos que tenderán á apertura en grandes claros. As temperaturas sufrirán un notable descenso nas máxima ata os 16 graos e os ventos soprarán de compoñente sur pola mañá tendendo a cambiar a oeste pola tarde.
Durante o xoves un centro de baixas presións pouco profundo irá achegándose a Galicia. Isto provocará que as nubes vaian aumentando a medida que avance a mañá ata cubrir pola tarde completamente os ceos. A partir da media tarde as nubes deixarán chuvias débiles polo litoral de Pontevedra. As temperaturas mínimas descenderán novamente ata situarse nos 9 graos, pero as máximas, de 18 graos, serán algo máis altas que na xornada anterior, polo que a sensación térmica será en xeral agradable, segundo MeteoGalicia. O vento soprará frouxo de compoñente sur con intervalos moderados nas Rías Baixas.