Sete parellas de Poio renovan xuntas o seu amor despois de 50 anos de casados
Por Redacción & Diego Torrado
No ano 1965 casaron en Poio 85 matrimonios. De todos eles, 23 fixeron a súa vida no concello e teñen a sorte de vivir os dous membros. Sete desas parellas que levan camiñando xuntos os últimos 50 anos animáronse a participar na tradicional festa homenaxe que, cada ano, organiza o Concello de Poio para as parellas que cumpren as súas vodas de ouro.
Esta celebración conxunta leva celebrándose 22 anos. Sempre se fai coincidir no mes de febreiro, aproveitando o día de San Valentín, pero este ano optaron por facela na primavera para respectar a celebración do entroido e para escapar do mal tempo do inverno.
Os maiores homenaxeados viñeron acompañados dos seus familiares e amigos e foron recibidos por diferentes membros da corporación municipal. Fíxoselles entrega dunha placa, un diploma e un detalle floral a cada unha destas parellas. Ademais, recibirán un recordo fotográfico deste día.
Na semana anterior, estes sete matrimonios acudiron ao centro social para ser entrevistados e recoller as súas historias persoais: como viviron de nenos, como se coñeceron, canto tempo estiveron de noivos, a que idade comezaron a traballar, que lembran do día da voda, que anécdotas teñen ou as ilusións aínda por cumprir. Todo iso formou parte da semblanza que se fixo de cada unha das parellas.
A homenaxe tivo lugar na Casa Rosada e contou tamén coa actuación do coro do centro social, dirixido por Miguel Martínez.