Louzán, número 2 da lista do PP en Ribadumia liderada de novo por Salomé Peña
Por Redacción
O Partido Popular de Ribadumia presentou este domingo a candidatura coa que aspira a renovar a maioría absoluta -nove dos trece concelleiros da corporación- que acadaron hai catro anos.
A candidata Salomé Peña apoiarase, asegura, na súa xestión e nunha lista renovada nun 33% para conseguir que Ribadumia "continúe na senda do crecemento e do desenvolvemento".
O equipo está encabezado pola actual alcaldesa e con ela preséntase un "equipo de persoas comprometidas", segundo a candidata popular. No número dous da mesma irá Rafael Louzán, presidente da Deputación, que sempre escolleu este concello para presentarse ás eleccións. Susana Fandiño e Antonio Roma, concelleiros de Cultura e Obras respectivamente, ocuparán os postos tres e catro da lista.
Pero a candidatura do PP combina persoas con experiencia e que xa acompañaron á actual alcaldesa nos últimos catro anos, con sete incorporacións novas que aportarán ideas e propostas renovadas. "Unha combinación de éxito para seguir apostando pola prosperidade deste concello", di Salomé Peña.
As persoas que se unen ao proxecto por vez primeira son Luis Serantes, secretario de organización do PP provincial (5); María Dolores Esperón Feijoo (6), Eva Martínez Barros (12) ou Francisco Torres González (13). As outras tres novidades ocuparán postos de suplentes.
Na lista de Salomé Peña tamén repetirán Antonio Bermúdez (7), Alberto Vázquez Ruibal (8), Manuel Mosteiro (9), Sonia Garanger (10) e Flora Barreiro Torres (11).