Así é "Quero Pontevedra", o rap de Lores para a campaña electoral
Por Alejandro Espiño
As campañas electorais adoitan estar animadas por bandas sonoras do máis peculiar. Cada vez máis partidos tratan de fuxir da típica sintonía dos seus partidos para amenizar os seus actos electorais.
Hai numerosos exemplos en Galicia de temas compostos para ser usados con fins electorais. Juan Pardo, Los Limones ou Xoel López -este último versionó o Quen puidera namorala de Luis Emilio Batallán para o PSdeG-PSOE de Emilio Pérez Touriño- son algúns dos artistas que se animaron a facelo.
Pero Miguel Anxo Fernández Lores será máis rompedor ca todos eles. En todos os actos que organice o BNG de Pontevedra ata o próximo 24 de maio soará un rap. Trátase dunha canción chamada Quero Pontevedra, que os nacionalistas pretenden converter no himno que acompañe ao alcalde ata o seu quinto mandato consecutivo na cidade.
A canción, de tres minutos e medio, estreouse en público o pasado venres durante a cea na que o BNG reuniu unhas 2.000 persoas no Recinto Feiral. Nela, o cantante vai debullando os logros do goberno de Fernández Lores nestes 16 anos e repite, en numerosas ocasións, o lema sobre o que xirará a campaña dos nacionalistas: "Quero Pontevedra. Razón e corazón".
A letra completa de Quero Pontevedra é a seguinte:
(estribillo)
Quero Pontevedra. Quero Pontevedra. Quero Pontevedra. Razón e corazón.
Quero Pontevedra. Quero Pontevedra. Quero Pontevedra. Razón e corazón.
Menos coches, menos fumes, rúas sempre vivas para todos accesibles.
Sen centros comerciais, non non non. Apoiando os negocios locais, facendo bo son.
Recoñecemento internacional, como non, facilitando a vida a pé ao cidadán, go on,
vamos, loitamos na contra dun sistema corrupto e cruel no cal están a deixar emblema.
Agarda, escoita. Quero Pontevedra. Razón e corazón é o noso lema.
(estribillo)
A cidade dos nenos e nenas que van sós ao cole, xogan nestas rúas seguros sen problemas.
Aguas volven o seu cauce depuradas, quilómetros de sendas peonís para ir de andainas.
Aparca e camiña, viralle ben veciña. Aparte de saúde aforra cartos, vaille cara a vida.
Ti pisa o freno, zona máximo de 30. Construíndo civismo, facendo de boa tinta, que pinta.
Pontevedra vila colectiva.
Pontevedra é cidade positiva, viva, activa, admirativa, diva que cautiva.
No camiño do futuro Pontevedra é exclusiva. A Rede Axuda, todos crecen.
Pontevedra participa, faino así a súa xente. Consellos parroquiais e de aquí o conseguido.
Onde o aire está máis puro. Isto é un punto e seguido.
(estribillo)
Alba, San Vicente, Santo André e Campañó. Santa María, Verducido, Mourente e Marcón.
Lérez, Ponte Sampaio, Tomeza e Salcedo. Bora, Lourizán, Canicouva e Monte Porreiro.
Isto é Pontevedra, viva como hedra. Terra de verdade, berra liberdade. Pedras de idade
que contan historias con riqueza arquitectónica, onde cabe diversidade plural calidade.
Crisol cultural cheo de ocio alternativo, sede internacional do deporte sempre activo,
rescatando aos esquecidos, recuperando a inxustiza, restañando as feridas.
En Galiza o mellor niño.
Con cariño. Facendo realidade cada soño, subindo máis peldaños con deseño cada ano,
sendo donos da evolución dentro do máis moderno,
sen deixar nunca de lado as suas xoias de antaño.
(estribillo)
Que din os rumorosos. Quero Pontevedra.
Na costa verdescente. Quero Pontevedra.
O raio transparante. Quero Pontevedra.
Do prácido luar. Quero Pontevedra.
Que din as altas copas. Quero Pontevedra.
De escuro arume arpado. Quero Pontevedra.
Co seu son compasado. Quero Pontevedra.
Monótono fungar. Razón e corazón.
Relacionadas:
-
Lorix e Mosquerix, un cómic do BNG contra o imperio PPromano
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG exhibe 'músculo' para as municipais xuntando unhas 2.000 persoas no Recinto Feiral
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Unha cea para 2.000 persoas, punto de partida do BNG de cara ás eleccións do 24-M
Por Alejandro Espiño |