Máis de 6.000 persoas subiron ao tren na estrea do Eixe Atlántico de alta velocidade
Por Redacción
Moita expectación houbo, en todas as estacións ferroviarias do Eixe Atlántico entre A Coruña e Vigo, ante a estrea da alta velocidade en Galicia. Na primeira xornada na que comezaron a funcionar os servizos rápidos dos trens S121 polas vías de altas prestacións, RENFE vendeu 6.200 billetes. Segundo a compañía, iso representa practicamente o 100% das prazas dispoñibles.
RENFE asegura que todos os servizos circularon con normalidade e se rexistrou unha puntualidade total, cunha grande afluencia de viaxeiros en todas as estacións do traxecto. Tamén en Pontevedra se rexistrou unha maior actividade do habitual. Foron moitos os viaxeiros que optaron por probar os novos trens no seu primeiro día de funcionamento, o que provocou un maior ambiente do normal nas instalacións pontevedresas.
Ás 06.45 horas partía da estación de Vigo-Urzáiz o primeiro tren rápido do Eixe Atlántico, que chegou á terminal da Coruña tras 92 minutos de traxecto e facer media ducia de paradas en estacións intermedias, como a de Redondela, Pontevedra ou Santiago. A partir de aí, todos os trens en ambos os dous sentidos se quedaron sen prazas -as poucas que quedaban tras a venda previa por Internet- en poucos minutos.
Os novos servizos rápidos paran nas estacións da Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo-Urzaiz, incrementando deste xeito o número de paradas por sentido. Tamén haberá paradas en Padrón-Barbanza, Redondela, Arcade e Cerceda - Meirama.
Son, en total, dez frecuencias diarias en ambos os dous sentidos. Os horarios pódense consultar neste enlace. Pola súa parte, a viaxe ida e volta entre Pontevedra e Vigo custa 5,80 euros, mentres que para viaxar a Vilagarcía de Arousa serán 8,10 euros, a Santiago 11,80 euros e a Coruña, 25,70 euros. Hai dispoñibles tamén bonos desconto por dez viaxes ou de carácter mensual.
Co novo servizo mellóranse os tempos de viaxe en todos os percorridos. Así por exemplo, o traxecto entre Santiago de Compostela e Pontevedra pode realizarse en 35 minutos, A Coruña e Pontevedra en 65 minutos, e Vigo e Pontevedra quedan conectados en tan só 15 minutos.
O sindicato CGT asegura que, especialmente no tramo entre Vigo e Santiago, detectaron diferentes carencias e deficiencias nas instalacións e servizos
QUEIXAS SINDICAIS
A estrea do Eixe Atlántico de alta velocidade entre A Coruña e Vigo tamén xerou as primeiras críticas dende ámbitos sindicais de RENFE e ADIF. O sindicato CGT asegura que, especialmente no tramo entre Vigo e Santiago, detectaron diferentes carencias e deficiencias nas instalacións e servizos.
Ademais de "graves problemas" estruturais na nova estación de Vigo, a falta de seguridade en Arcade ou a falta de persoas en Redondela e Padrón, con respecto a Pontevedra esta central sindical denuncia que o apeadeiro da universidade só parará un servizo ferroviario ao día, un ás 11.30 procedente de Coruña e outro ás 15.43 procedente de Vigo, "horarios pouco compatibles coa actividade universitaria".
Denuncian que Vigo "queda sen conexión nocturna" con Redondela, Arcade, Pontevedra, Vilagarcía e Santiago, xa que Renfe eliminou o tren das 22,30 horas que circulaba ata Santiago, o cal era usado por unha media de 50 viaxeiros. O último tren con destino Santiago sae agora ás 21.30 horas. A CGT critica tamén que non se consensuasen ofertas cos aparcadoiros das respectivas estacións, entre elas a de Pontevedra.
Así as cousas, o comité de empresa de ADIF Pontevedra censura que a "celeridade" para poñer en marcha o servizo "obedece unicamente a motivos electorais", algo que provocou "unha serie de problemas" cos que traballadores e usuarios "terán que convivir de agora en diante".
Relacionadas:
-
O AVE non chegará a Galicia ata o terceiro trimestre de 2019
Por Redacción |
-
Ana Pastor compromete en Vilagarcía unha conexión directa de Alta Velocidade con Madrid
Por Redacción |
-
O Eixe Atlántico recibiu máis de 145.000 pasaxeiros dende a posta en marcha dos trens rápidos
Por Oskar Viéitez |
-
O Eixe Atlántico, de Pontevedra a Santiago por 11,80 euros e a Vigo por 5,80
Por Oskar Viéitez |
-
O trazado de alta velocidade do Eixe Atlántico comezará a funcionar o sábado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O tren do Eixe Atlántico xa circula en probas por Pontevedra, os billetes sairán á venda en abril
Por Mónica Patxot |