Luis Fonsi, Bustamante, Auryn ou Pablo López acompañarán a Panorama na VIII Gala contra o Cancro
Por Redacción
A música latina terá un protagonismo especial na oitava edición da Gala contra o Cancro da orquestra Panorama, á que asistirán dous dos artistas máis destacados do xénero a nivel mundial como son Luis Fonsi e Bustamante. Xunto a eles, o 8 de maio actuarán en Vilagarcíade Arousa, entre outros, grandes nomes da música nacional como Auryn, Pablo López ou Soraya.
Soraya, ademais de interpretar algúns dos seus éxitos, exercerá de mestra de cerimonias e presentará a gala xunto a Lito Garrido, cantante de Panorama. Sera, un ano máis, un dos maiores espectáculos musicais que se poden ver no noroeste peninsular, tanto pola maxestosidade da montaxe escénica coma pola nómina de artistas invitados.
Entre eles destaca a presenza de Luis Fonsi. O portorriqueño era obxecto de desexo por parte dos organizadores da gala dende as primeiras edicións, pero a súa apertada axenda de concertos e xiras por todo o mundo convertía a empresa en case imposible. Tamén acompañará á orquestra David Bustamente, que xa estivo presente en anteriores edicións da gala.
O público máis novo terá esa noite no recinto feiral vilagarciano a tres dos nomes de máis éxito en España na actualidade: Auryn, Gemeliers e Danny Romero. A gala inclúe tamén dous nomes de prestixio son o de India Martínez e Pablo López, que representan como á nova xeración de compositores e músicos españois. O cartel péchase coa presenza de DKB e Romántico Latino, dous expoñentes dos sons latinos máis quentes.
Os organizadores da gala recoñecen que "conseguir un elenco así de convidados cada ano nos resulta un pouco máis doado porque os artistas, mesmo os internacionais, xa coñecen a gala e saben da súa calidade artística e técnica". Pero por outro lado sinalan, manter un nivel tan alto edición tras edición "supón un esforzo inxente que só compensa a resposta do público e o carácter benéfico do evento".
Ademais de todas estas actuacións, a orquestra Panorama poñerá en escena o espectáculo co que está a xirar esta tempada, The Game Tour.
Serán en total, catro horas de espectáculo. A música comezará a soar en Fexdega sobre as once da noite. O prezo da entrada é de 10 euros -máis gastos de xestión do despacho electrónico-. Poden adquirirse de forma anticipada a través de ataquilla.com.
Unha das novidades da presente edición da Gala contra o Cancro será que tras finalizar as actuacións de Panorama e dos artistas invitados a festa proseguirá cunha sesión dance na que participarán destacados DJ's de música electrónica e de baile.
A entrada para esta sesión de música dance será gratuíta.
CARÁCTER BENÿFICO
Como todos os anos, Panorama entregará á Asociación Española contra o Cancro a totalidade da recadación obtida durante todo o ano nos distintos postos de venda de marchandizaxe, discos e DVD da orquestra.
Así mesmo, e como e fixeron o ano pasado, os organizadores comprométense a que "a partir do primeiro euro de beneficio, todo o diñeiro recadado será tamén doado á asociación contra o cancro". Tanto a orquestra coma a empresa organizadora desta recordan que "o obxectivo da gala nunca foi nin será gañar diñeiro, pero se non o perdemos e ademais podemos facer unha maior achega á causa benéfica sentirémonos aínda máis satisfeitos".